Saturday 18 de May de 2024

O alcalde de Brión e o conselleiro de Sanidade asinan o convenio para a cesión do centro de saúde brionés ao Sergas


José Luís García explica que é “un acto de xustiza que levou demasiado tempo” e valora que responsables do Sergas anuncien que viaxarán a Brión para coñecer os problemas estruturais do inmoble
O alcalde de Brión, José Luís García, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron esta mañá o convenio para a cesión do inmoble do centro de saúde brionés ao Sergas, que asumirá a súa xestión e mantemento. García considera que se trata dun “acto de xustiza que levou demasiado tempo, pois era unha discriminación que Concellos como Santiago non tiveran que custear o mantemento dos seus centros de Saúde e Brión si”.

Neste sentido, lembra que o centro de saúde brionés sofre graves problemas de humidades, sobre todo na zona de pediatría e que se reproducen practicamente cada vez que chove. “A pesar das actuacións de mantemento e pintado que estivo facendo o Concello todo este tempo, os informes dos técnicos din que o problema se debe a unha incorrecta execución da cuberta do edificio, polo que debería ser a Xunta quen acometa o arranxo. Agardemos que agora que asume a xestión e o mantemento do inmoble, o Segas sexa quen de arranxar a cuberta do centro de saúde”.

De acordo co informe do arquitecto municipal, o cano interior da cuberta do centro de saúde para o desaugue das pluviais non ten a pendente necesaria para evacuar a auga, polo que esta queda retida na cuberta do edición. Ademais, tamén se especifica que ese cano non ten a altura precisa para resultar efectivo.

Finalmente, García valora que dende o Sergas xa lle comunicaran o interese por desprazarse ata Brión para coñecer sobre o terreo os problemas estruturais do inmoble, pero tamén lembra que en 2016 se anunciara que os arranxos poderían lugar durante o verán e finalmente non se acometeron. “Polo ben dos veciños e veciñas de Brión agardamos que dende a Xunta se fagan cargo canto antes da cuberta do centro de saúde brionés canto antes pois as humidades vanse reproducir mentres non se arranxe o problema”, apunta José Luís García.